Thursday 09 de May de 2024

O concello presenta á Xunta un proxecto para mellorar a mobilidade e a accesibilidade no parque empresarial


Ademais, foi aprobado o Plan Estratéxico Ambiental “ALANAT” redactado pola Fundación Galicia Sustentable.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse concorrer a tres convocatoria de axudas impulsadas por diferentes Consellerías da Xunta de Galicia.

Ao abeiro do programa de subvencións da Consellería de Economía, Industria e Innovación encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais, o Concello presenta un proxecto dirixido a mellorar a mobilidade e a accesibilidade no polígono industrial con varias actuacións diferenciadas e un orzamento total de 220.000 euros. As intervencións proxectadas localízanse na zona sur. Por unha parte preténdese crear unha nova vía -dando continuidade á xa existente- que enlace o acceso principal co aparcamento para poder saír e entrar do polígono sen circular polas vías interiores e, así, desconxestionalas de tráfico. Ademais, sería creado un novo tramo de beirarrúa precisamente desde ese mesmo lugar ata o viveiro de empresas, onde tamén se acondicionaría o entorno habilitando máis espazo de estacionamento de vehículos. As novas infraestruturas viarias contarían co correspondente alumeado público, e tamén se aproveitarían as actuacións para ampliar as redes de abastecemento e saneamento e reforzar a recollida de augas pluviais.

Á Axencia de Turismo de Galicia preséntase o proxecto da segunda fase do proxecto de renovación dos elementos de protección do Sendeiro de Saldoiro de Caión no marco da liña de axudas para actuacións de embelecemento do litoral galego. Está valorado en 89.000 euros e daría continuidade á primeira fase que está actualmente en execución e que se centra na substitución da varanda co dobre obxectivo de reforzar a seguridade e mellorar a estética cunha solución que permita integrala no entorno no que se sitúa.

E o Concello tamén concorre á convocatoria de axudas de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para a realización dunha auditoría do abastecemento municipal que inclúa un plan de actuación para minimizar as perdas de auga. Neste caso o orzamento alcanza os 11.500 euros.

Por último, salientar a aprobación por parte da Xunta de Goberno Local do Plan Estratéxico Ambiental “ALANAT” redactado pola Fundación Galicia Sustentable e encamiñado a poñer en valor os espazos naturais do municipio.